|
|
 |
|
|
Vigo é a cidade máis dinámica de Galicia. Medrou arredor do porto, abrigado pola ría e polas fermosas illas Cíes, estrelas do Parque Nacional Illas Atlánticas. A cidade rebe de actividade cultural, historia e festa.
|
|
Vigo, potencia pesqueira
A historia desta cidade está escrita con auga salgada. Esta vila mariñeira empezou a medrar a partir das industrias conserveiras e de saber aproveitar ao máximo o potencial do seu porto, moi protexido e de fondo calado. Así as cousas, a de Vigo é unha orixe mariñeira, centrada no Berbés. Aínda hoxe, a pesar das modificacións urbanísticas, poden percibirse neste peculiar barrio e no de Bouzas detalles das casas típicas dos pescadores.
O casco vello de Vigo coincide co que foi desde o século XVII ata o XIX a vila amurallada, desde o Areal ata a Porta do Sol. Esta zona é das máis atractivas para os visitantes, pois comprende a praza da Pedra (onde hai un exótico mercado), a rúa dos cestos, a praza da Constitución, a praza da Princesa e a de Almeida, unha das máis antigas da cidade.
Na Porta do Sol, que hoxe é o centro neurálxico de Vigo, pódese observar a estatua do Sereo, obra de Francisco Leiro que representa un personaxe híbrido entre home e peixe e simboliza a relación da cidade co mar. Vigo conta con varias estatuas modernas, que falan ás claras da súa mocidade como gran capital. Están a Porta do Atlántico, na praza de América; o monumento ao Traballo, na Gran Vía; os Cabalos, na praza de España e o monumento a Europa, ao final da avenida do mesmo nome.
|
|
Os vigueses prerromanos
Vigo empeza no mar e érguese como unha gran muralla cara ao monte do Castro. Un dos costumes obrigados do que visita a cidade é subir ao alto para captar as magníficas vistas da ría, das illas Cíes e do Atlántico. No monte do Castro, como o nome indica, hai restos das vivendas que ocupaban os poboadores da zona na época castrexa (500 a.C.). Pero no municipio vigués están documentados restos arquitectónicos de arredor do 2000 a.C.: hai 30 petroglifos repartidos polas parroquias de Coruxo, Beade, Matamá, Teis, Sárdoma, Oia e Navia.
Da época da romanización, pódese visitar a finca de Mirambell, preto da illa de Toralla, onde unha excavación arqueolóxica localizou toda unha vila romana con termas, exquisitos vidros, fragmentos de mosaicos e fina cerámica.
|
|
Praias urbanas ou a viaxe ás Cíes
Á beira da finca de Mirambell atópase un dos areais máis amplos de Vigo, O Vao. O máis coñecido e concorrido é Samil, con case dous quilómetros de lonxitude, moi céntrico e equipado con multitude de servizos: parque, piscinas, paseo, pistas deportivas... Tampouco debemos esquecer as praias de Muíños de Fortiñón, Portiño, Bouzas, Alcabre, Navia e Coruxo.
Caso á parte é o das Cíes. Trátase de tres illas paradisíacas, protexidas polo Parque Nacional das Illas Atlánticas. A do Centro e a do Norte (Monte Faro e Monteagudo) están unidas por unha lingua de area. Á do Sur (ou de San Martiño) só se pode chegar en barco privado. Teñen un clima cálido e unha escasa pluviosidade anual (a metade que Vigo, por exemplo). Conta con nove praias de finísima area e auga cristalina.
Para ir ás Cíes hai que achegarse ao porto náutico vigués. Ademais do náutico e do pesqueiro (un dos portos con máis descargas de peixe de Europa) hai un impoñente porto de transatlánticos e un prestixioso porto deportivo.
|
|
A ruta cultural viguesa
Vigo leva anos tratando de rachar coa etiqueta de cidade unicamente industrial para converterse tamén en puntal da cultura. O Pazo de Quiñones de León é o exemplo máis antigo. Foi convertido en museo municipal, e nel albérgase unha importante colección de cadros galegos e restos arqueolóxicos, ademais de contar coa súa fermosa arquitectura e un marabilloso xardín botánico con labirinto.
Nos últimos anos, as iniciativas culturais multiplicáronse. Hoxe Vigo conta, entre outros, cun destacado MARCO (Museo de Arte Contemporánea), co Museo do Mar de Galicia e co Museo Verbum, dedicado á comunicación humana.
Ademais, no monte da Madroa está situado o único parque zoolóxico de Galicia: Vigozoo, que cumpre labores divulgativos e de recuperación natural.
|
|
|

|