|
 |
|
|
|
Nigrán soubo medrar ao ritmo de Vigo e de Baiona, e sacar partido turístico das súas magníficas praias e do abrigado enclave de Panxón. Un dos seus maiores atractivos son os pazos e o Templo Votivo do Mar, de Antonio Palacios
|
|
Panxón, capital turística
Nigrán conta con praias moi valiosas e coñecidas. A praia América é, se cadra, a máis concorrida, con máis de 1.000 metros de fina area e multitude de servizos turísticos. Outras, como Madorra, Area Fofa ou Ribas Brancas son menos coñecidas pero tamén fermosas. A de Patos é a preferida polos surfistas. Así e todo, a zona máis desenvolvida turisticamente é a de Panxón.
Nesta parroquia atópase o areal do mesmo nome, e tamén un dos portos deportivos máis importantes de Galicia. O porto de Panxón ten unha grande actividade no verán. Dispón dun dique de abrigo de 100 metros de longo e muelles de 77 metros.
|
|
Unha vila moderna
Existen restos arqueolóxicos que demostran que estas terras estiveron habitadas durante a época prerromana. Por exemplo, quedan mámoas e castros nos lugares de Vilariño e Chaín. Pero Nigrán non empezou a coller un carácter propio ata finais do seculo XIX. Roma pasou só para comunicar outras vilas, polo que quedan pegadas de dúas calzadas imperiais. Durante a Idade Media, e boa parte da Moderna, as terras da comarca repartíanse entre o mosteiro de Oia e os condados de Priegue e Gondomar.
Debido á súa excepcional climatoloxía, Nigrán foi lugar de residencia de numerosas familias acaudaladas. Grazas a isto, hoxe hai un bo número de interesantes pazos que merecen ser visitados. O máis destacado é a Torre da Touza, construída no século XVI polo capitán dos terzos de Flandes Gregorio Vázquez Ozores e reformado máis tarde, no século XVIII. É moi vistoso o Pazo de Cadaval, levantado no século XIV polo seguidor de Pedro I "O Cruel", o militar Vasco Gámez de Cadaval.
Tamén están ben conservados os pazos de Cea (século XVI), de Brito (século XVII), de Lamelas (século XVII) e de Pías (século XVII).
Pero non foi ata o auxe de Vigo como potencia industrial cando Nigrán empezou a medrar, potenciando as cualidades do sector pesqueiro, do industrial e, máis tarde, do turístico.
|
|
A milenaria devoción polo mar
Na propia parroquia de Panxón, as autoridades encargáronlle ao prestixioso arquitecto porriñés Antonio Palacios a construción dunha homenaxe ao mar. Palacios edificou no anos 30 o Templo Votivo do Mar, no que algúns estudosos atopan un guiño ao estilo de Gaudí mesturado cun marcado carácter galego, polo uso da pedra en bruto. Unha das torres, circular, simboliza un faro coa súa rosa dos ventos.
Ao lado do templo de Palacios están os restos dunha igrexa sueva do século VII dedicada a San Pantaleón, de quen deriva o nome de Panxón. O que se conserva é o arco da entrada.
No apartado da arquitectura civil, merece unha ollada a ponte da Ramallosa. Tamén é coñecida polo nome de San Pedro Telmo, o bispo de Tui que a mandou levantar no século XIII. Conserva o seu aspecto medieval romanizante. A lenda conta que a muller que non podía ter fillos ía a esta ponte. O primeiro home que pasase tiña que verterlle auga do río no ventre. Ela quedaba preñada e o paseante convertíase no padriño do neno.
|
|
|


|